Thursday 25 de April de 2024

A Xunta leva retirados máis de 9.500 niños de vespa velutina no que vai de ano


― A directora de Administración Local, Natalia Prieto, fixo balanzo esta mañá no Parlamento galego do Plan de Loita contra a vespa velutina, que se renovou este ano e que conta con 300 concellos adheridos, o 96% do total e 15 máis que en 2020

― A Xunta reforzou este verán o servizo do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para estes avisos debido ao incremento de chamadas na época estival, con máximo de 6.300 rexistradas este agosto

A directora de Administración Local, Natalia Prieto, avanzou hoxe no Parlamento galego que no que vai de ano foron retirados máis de 9.500 niños de vespa velutina no marco do Plan de loita contra esta especie acordado entre a Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Destaca a provincia de Pontevedra con 4.253 niños eliminados ou neutralizados, seguida de A Coruña con 3.458, mentres que en Lugo e Ourense se retiraron 1.056 e 807 respectivamente.

A directora xeral de Administración Local explicou que o pasado marzo foi renovado o encargo a Seaga co obxectivo de continuar ofrecendo unha solución homoxénea en tódalas zonas afectadas e acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización de niños de vespa velutina ao longo deste 2021. E proba desta boa acollida é que se sumaron 15 concellos máis que en 2020, polo que a Xunta está intervindo, a través de SEAGA, nun total de 300 concellos, o 96% do total.

A Xunta xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control da vespa asiática na comunidade para minimizar o seu impacto e o ano pasado puxo en marcha en colaboración coa Fegamp unha actuación para o territorio galego, a través da cal o Goberno galego asume a retirada dos niños dos concellos adheridos no marco da encomenda á empresa SEAGA. A empresa conta cun equipo de coordinación que organiza aos efectivos de intervención aos que a Xunta dotou dos medios necesarios para levar a cabo os operativos coa máxima seguridade.

Natalia Prieto indicou que, ao igual que o ano pasado, a alerta da presenza de niños de vespa velutina prodúcese coa chamada dos cidadáns ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, desde onde se contacta co axente encargado de atender ao aviso para determinar a actuación que procede segundo cada caso. Debido a que o maior número de avisos se rexistra na época estival, a Xunta prevendo o incremento da actividade, decidiu o pasado xullo reforzar a liña específica do teléfono 012 e estender a súa cobertura ata este mes todos os días da semana entre as 8.00 e as 20.00 horas.

Cómpre destacar que, como xa ocurrira o ano pasado, o número de chamadas máis elevado no que vai de 2021 recibiuse no verán acadando o máximo no mes de agosto, con case 6.300 avisos, o que supón case o 40% dos máis de 17.230 avisos recibidos desde o inicio de ano.

Do total dos 17.236 avisos recibidos, ademáis dos máis de 9.500 retirados, 1.976 correspondíanse con niños inactivos, en case 3.000 non procede actuación por tratarse doutras especies ou non visualizarse de forma directa e en case 780 tratábase de avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns.

As chamadas rexistradas no que vai de ano son un 23% menos que en 2020 debido, segundo explicou Natalia Prieto, ao efecto dos trampeos primaverais que impiden a formación de milleiros de niños e que o ano pasado non se puideron realizar por mor do confinamento derivado da pandemia do coronavirus.

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia de que os cidadáns continúen a chamar ao 012 para avisar da presenza de niños de vespa velutina para minimizar o seu impacto na comunidade e frear o seu avance. Ademais, lembrou que a Xunta continuará traballando de xeito centralizado en coordinación cos concellos para loitar contra esta especie invasora e reducir os perxuízos que ocasiona á veciñanza.

Ao longo deste ano foi posta en marcha unha nova aplicación Controlvelutina que está a mellorar en grande medida toda a información e a facilitar a xestion destes traballos tanto en relación ao análise de datos e a realización de posteriores estudos, como en relación ás consultas e á comunicación coa cidadanía sobre os avisos rexistrados de retirada de niños de vespa velutina. Así, os traballadores de campo encargados da retirada, xestionan os seus avisos directamente, en tempo real e en comunicación constante co alertante directamente dende o seu dispositivo electrónico.

Deste xeito, logo de planificar a visita e acudir ao lugar do aviso, introducen os datos de xeolocalización e fotografias do niño, as observacións que procedan sobre o caso concreto, así como o resultado final da actuación. Isto vai permitindo ter unha foto real e rigurosa sobre a evolución e o comportamento desta especie invasora que poderá ser utilizado para a realización de análises e estratexias de cara a seguir controlando a súa expansión.